venres, 21 de febreiro de 2025

XOGOS A PARTIR DOS 6 ANOS PARA FOMENTAR AS CONVERSAS

 A importancia da comunicación na familia e a escola

A comunicación dentro da familia é fundamental para manter unha convivencia feliz. Cando hai diálogo aberto e sincero, créase un ambiente de confianza onde todos se senten escoitados e comprendidos.

Falar en familia non significa só compartir información, senón tamén expresar sentimentos, preocupacións e alegrías. É importante que cada membro teña espazo para contar como se sinte, sen medo a ser xulgado. Ademais, escoitar activamente, con paciencia e respecto, axuda a fortalecer os lazos familiares.

Hoxe en día, co ritmo de vida acelerado e a tecnoloxía sempre presente, ás veces esquecemos a importancia de sentarnos xuntos a conversar. Pequenos xestos, como cear en familia sen pantallas ou preguntar sinceramente "que tal o día?", poden marcar a diferenza.

Unha boa comunicación axuda a evitar malentendidos, resolver conflitos de maneira tranquila e ensinar valores como o respecto e a empatía. Se na casa hai un ambiente onde todos poden expresarse libremente, créase un fogar acolledor onde cada un se sente querido e acompañado.

En definitiva, falar e escoitar en familia é un dos mellores agasallos que podemos dar e recibir. 💙

Por outra banda, as conversas no día a día, a escoita activa e o respecto mutuo son ferramentas imprescindibles para construír unha comunidade educativa forte e un ambiente escolar no que todos se sintan cómodos e seguros, favorecendo así, un ensino de calidade 📚✨

Para favorecer esa comunicación existen ferramentas, e na libraría Clarion, aconséllannos o uso dun material moi interesante para fomentar o diálogo. Aquí vos deixo o vídeo!

venres, 20 de decembro de 2024

NECESITAMOS QUE NOS VEXADES!





Esta semana tivemos a oportunidade de asistir a dúas charlas impactante na que varios refuxiados contaron as súas experiencias sobre o percorrido desde África ata Canarias e logo a Galicia. Unha viaxe que pode durar dende 15 días ata 2 meses, unha odisea que leva consigo un risco inmenso, pero tamén unha esperanza de vida mellor.

Os relatos foron durísimos e emocionantes. Un dos puntos máis impactantes foi como se ven obrigados a tomar decisións imposibles antes de embarcarse no perigoso percorrido. Non hai espazo suficiente no barco, polo que deben escoller entre levar comida ou persoas. Só poden meter comida para 3 días. Deste modo, moitas veces, a supervivencia depende da súa capacidade para organizarse coas persoas ao seu redor, sabendo que moitos non chegarán a cruzar a fronteira.

A viaxe é arriscada. Os motores do barco apáganse durante tramos da travesía para evitar que os detecten, e moitas veces quedan sen gasolina. Estas circunstancias fan que, ademais do perigo físico, se sinta unha constante tensión e medo a non chegar ao destino. A maioría dos que falaban viñan de pobos afectados por guerras, onde as súas vidas se viron ameazadas por conflitos interminables, onde nenos de 12 anos xa teñen que levar armas e participar na guerra de xeito activo. As persoas contaron como deixaban atrás as súas casas, non só por medo á morte, senón tamén na procura dunha oportunidade para vivir sen sufrimento, un soño de paz e de futuro.

A pesar do sufrimento vivido, a maioría afirmou que volverían a facelo se fose necesario. A esperanza de atopar un futuro mellor, de poder estudar e aprender oficios básicos como carpinteiro, electricista ou formar parte dun barco de pesca, mantén a súa motivación viva. A educación e a oportunidade de formarse son as súas maiores ambicións agora, xa que queren construír unha vida digna onde poder achegarse ao que teñen soñado durante tantos anos e contribuír co seu traballo á sociedade que os acolle e lles dá a oportunidade de sentirse persoas visibles.

A charla deixounos unha sensación de humildade e reflexión. Non só por todo o que estes refuxiados tiveron que soportar para chegar aquí, senón tamén pola súa capacidade de resistir, de soñar con mellorar e de seguir loitando por un futuro mellor, a pesar das adversidades.

Sen lugar a dúbidas, unha experiencia que nos fai cuestionarnos moito sobre o noso privilexio e a importancia de ser solidarios e conscientes da realidade que viven millóns de persoas que fuxen da guerra, da fame e da desesperación.

Mostráronse moi agradecidos coa roupa e calzado donados polas familias, profesorado e amigas do profesorado e só piden a cambio que "Os vexamos".


venres, 13 de decembro de 2024

SECUESTRO DIXITAL

Esta imaxe está creada con IA e pode ser esaxerada ou quizais non, pero o que si está claro é que nunha sociedade cada vez máis dixitalizada, o noso tempo familiar vese secuestrado polo uso da tecnoloxía.


Imaxe creada con IA.

Este secuestro, pode provocar que non lle dediquemos o tempo suficiente á familia. O tempo xuntos non é estar na mesma casa, no mesmo parque, no mesmo coche, na mesma praia..., senón, que se trata de:
  • ESTAR PRESENTE.
  • XOGAR COAS MIRADAS.
  • FALARLLES Á CARA.
  • ESCOITAR O QUE NOS TEÑEN QUE DICIR.
       SECUESTRO DIXITAL = ABANDONO EMOCIONAL

Ás veces, non podemos dispoñer de todo o tempo que nos gustaría, pero cando menos o pouco que compartamos coa nosa familia que sexa de CALIDADE e no que lles axudemos a descubrir o mundo de posibilidades que teñen por diante.


Este Nadal podemos agasallar TEMPO. Achégovos estes vales que podedes engadir ás sorpresas que vos van deixar Papá Nöel ou os Reis Magos.








xoves, 5 de decembro de 2024

«O consentimento Sexual Explicado con Té»

«O consentimento Sexual Explicado con Té» é un vídeo creado pola blogueira Rockstar Dinosaur Pirate Princess, onde nos relata o que é o consentimento sexual a través da analoxía de tomar unha taza de té.

A idea principal do vídeo é a explicación que se realiza sobre o consentimento como un acordo básico nas relacións sexuais empregando a retranca, o que nos permite poder usalo co noso alumnado e coas nosas fillas e fillos porque, aínda que pesemos que son demasiado pequenos, o consumo de porno en internet está acontecendo cada vez a idades máis temperás, o que provoca que se normalicen condutas sexuais prexudiciais tanto para ELAS como para ELES.

 

Aplicacións como Family Link, axúdannos a controlar o tipo de contidos que se poden ver nos dispositivos móbiles, ademais de regular o tempo de uso das pantallas.

No seguinte enlace tedes a Guía de herramientas de control parental, creada polo INSTITUTO NACIONAL DE CIBERSEGURIDADE. 

Todas esas medidas son urxentes e necesarias porque como di a campaña "NO A LA BARRA LIBRE DIGITAL", non deixariamos aos nosos fillos e fillas nun lugar así, entón, por que non os protexemos do que poden ver nos seus móbiles?



A chave está en compañar e ensinar a usar!

UNICEF propónvos que acompañedes as vosas fillas e fillos na súa vida dixitalLa guía de#SuMayorInfluencer

luns, 18 de novembro de 2024

Chalecos Laranxas: Escóitote

Ao final do curso pasado implementamos como proxecto piloto o Programa Chalecos laranxas: escóitote cos seguintes obxectivos:

1. Escoita entre iguais.

2. Mediación de conflitos.

3. Derivación de conflito non resolto.

Estruturado nas seguintes fases:

  • ESCOITAMOS AS PARTES.
  • DETERMINAMOS POSIBLES SOLUCIÓNS.
  • ACORDAMOS UN PACTO.
Como funcionou moi ben, este curso volvemos a poñelo a andar. 

Lembrádelle ás vosas fillas e fillos que se teñen necesidade de comunicar calquera situación que os estea a molestar, que busquen no patio o alumnado con chaleco laranxa.



venres, 8 de marzo de 2024

Cousas que unha nena ou un neno si precisan!

 

Pinchando na imaxe accédese a un vídeo no que podemos ver o que si precisan en realidade as nosas fillas e fillos!
Ás veces precisamos reflexionar sobre se o camiño que estamos a seguir é o máis axeitado.

 




venres, 23 de febreiro de 2024

Técnica de control de conduta: Economía de fichas

O comportamento problemático na casa pode ser un dos grandes retos a nivel familiar. Existen diversas técnicas que nos poden axudar neses momentos a calmar e reconducir a conduta.

A continuación podedes consultar un vídeo e varias páxinas web que nos explican como empregar a Economía de fichas. O obxectivo principal será cambiar as reaccións a certos episodios e así evitar que se produza un comportamento pouco axeitado.



Páxinas web:


venres, 10 de novembro de 2023

Decálogo de uso do móbil

O uso indiscriminado do móbil está a xerar dificultades na mocidade. Xa sexa por empregar o móbil a idades moi temperás, o que limita as interaccións sociais, xa sexa polo exceso de horas que se usan estes dispositivos e sen control, o que está a provocar que se consuman contidos non axeitados para idade das nosas fillas e fillos.

É por iso que unha mamá do cole elaborou un decálogo de uso do móbil que me parece moi interesante compartir con vós.



No seguinte enlace podedes consultar un artigo de "Lucía, mi pediatra": ¿A qué edad le doy su primer móvil?



venres, 24 de marzo de 2023

TIPS PARA APRENDER A APRENDER: A CONCENTRACIÓN

Manter a concentración durante o estudo ou na realización de tarefas é fundamental para que as estratexias que empreguemos nos resulten eficaces. De nada nos serve subliñar os datos importantes, debuxar a información, empregar reglas mnemotécnicas... se non estamos concentrados no que estamos a realizar.

Algunhas das estratexias do estudo activo para fomentar a atención son:
  • Marcar un tempo para estudar. Establecer o tempo que precisamos e poñernos un cronómetro. 
  • Eliminar as distraccións e estudar/realizar as tarefas nun lugar tranquilo.
  • Usar algunhas estratexias de concentración como por exemplo:





Para mellorar a concentración tamén é bo realizar exercicios de relaxación, como por exemplo O Método de Koeppen:


venres, 10 de marzo de 2023

TIPS PARA APRENDER A APRENDER: O SUBLIÑADO

Continuamos coa serie de tips para axudarnos a aprender, a estudar e a organizar o traballo diario.

Nesta ocasión imos analizar a importancia de identificar os datos tanto dun texto coma dun problema matemático para que iso nos facilite a realización dun estudo activo.

Nos seguintes documentos están desenvoltas as pautas para facilitar a comprensión de diferentes textos.





venres, 3 de febreiro de 2023

TIPS PARA APRENDER A APRENDER: REGLAS MNEMOTÉCNICAS

Cando nos resulta complicado memorizar información ou datos, existen técnicas que nos poden axudar a lembrar.

Unha desas técnicas son as reglas mnemotécnicas. Nos seguintes enlaces podedes atopar diferentes exemplos para que na casa escollades as que mellor lle poden axudar ás vosas fillas e fillos.

Enlace: Reglas nemotécnicas para a para aprender a estudiar mejor

Vídeos

XOGOS A PARTIR DOS 6 ANOS PARA FOMENTAR AS CONVERSAS

  A importancia da comunicación na familia e a escola A comunicación dentro da familia é fundamental para manter unha convivencia feliz. Can...