venres, 20 de decembro de 2024

NECESITAMOS QUE NOS VEXADES!





Esta semana tivemos a oportunidade de asistir a dúas charlas impactante na que varios refuxiados contaron as súas experiencias sobre o percorrido desde África ata Canarias e logo a Galicia. Unha viaxe que pode durar dende 15 días ata 2 meses, unha odisea que leva consigo un risco inmenso, pero tamén unha esperanza de vida mellor.

Os relatos foron durísimos e emocionantes. Un dos puntos máis impactantes foi como se ven obrigados a tomar decisións imposibles antes de embarcarse no perigoso percorrido. Non hai espazo suficiente no barco, polo que deben escoller entre levar comida ou persoas. Só poden meter comida para 3 días. Deste modo, moitas veces, a supervivencia depende da súa capacidade para organizarse coas persoas ao seu redor, sabendo que moitos non chegarán a cruzar a fronteira.

A viaxe é arriscada. Os motores do barco apáganse durante tramos da travesía para evitar que os detecten, e moitas veces quedan sen gasolina. Estas circunstancias fan que, ademais do perigo físico, se sinta unha constante tensión e medo a non chegar ao destino. A maioría dos que falaban viñan de pobos afectados por guerras, onde as súas vidas se viron ameazadas por conflitos interminables, onde nenos de 12 anos xa teñen que levar armas e participar na guerra de xeito activo. As persoas contaron como deixaban atrás as súas casas, non só por medo á morte, senón tamén na procura dunha oportunidade para vivir sen sufrimento, un soño de paz e de futuro.

A pesar do sufrimento vivido, a maioría afirmou que volverían a facelo se fose necesario. A esperanza de atopar un futuro mellor, de poder estudar e aprender oficios básicos como carpinteiro, electricista ou formar parte dun barco de pesca, mantén a súa motivación viva. A educación e a oportunidade de formarse son as súas maiores ambicións agora, xa que queren construír unha vida digna onde poder achegarse ao que teñen soñado durante tantos anos e contribuír co seu traballo á sociedade que os acolle e lles dá a oportunidade de sentirse persoas visibles.

A charla deixounos unha sensación de humildade e reflexión. Non só por todo o que estes refuxiados tiveron que soportar para chegar aquí, senón tamén pola súa capacidade de resistir, de soñar con mellorar e de seguir loitando por un futuro mellor, a pesar das adversidades.

Sen lugar a dúbidas, unha experiencia que nos fai cuestionarnos moito sobre o noso privilexio e a importancia de ser solidarios e conscientes da realidade que viven millóns de persoas que fuxen da guerra, da fame e da desesperación.

Mostráronse moi agradecidos coa roupa e calzado donados polas familias, profesorado e amigas do profesorado e só piden a cambio que "Os vexamos".


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.

XOGOS A PARTIR DOS 6 ANOS PARA FOMENTAR AS CONVERSAS

  A importancia da comunicación na familia e a escola A comunicación dentro da familia é fundamental para manter unha convivencia feliz. Can...